Arribada a porto

 

O pasado día 1 de decembro, tiven a honra de que moitos compañeiros e compañeiras da Comisaría de Pontevedra, doutras comisarías de Galicia e ata doutras de fóra, amigos e autoridades, compañeiros do sindicato, ofrecésenme unha homenaxe con motivo da miña xubilación.

Efectivamente, consumouse. Iso que vía tan afastado, alá polo mes de setembro de 1976, cando, coa miña pequena maleta, con catro mudas e útiles de aseo, penetraba na entón Academia de Policía Armada de Badajoz, xa chegou e para quedarse: a xubilación.

José Freire

É este un momento de alegría e á vez de tristura porque, aínda que xubilación vén de xúbilo, teño que recoñecer que me causa un sentimento de pena o pensar que, unha das cousas que deu sentido á miña vida, o velar pola seguridade e a liberdade dos cidadáns, chegou ao seu fin, ao ir virando as agullas do reloxo, de forma inexorable, ata chegar a este momento.

Di Jorge Manrique nas Coplas á morte do seu pai que “as nosas vidas son os ríos que van dar á mar”.

Procurei que o río da miña vida levase sempre o caudal suficiente para que, nas súas augas calmas, puidesen navegar todos aqueles que ían na mesma dirección.
Ese caudal recollía as augas dos seus tres principais afluentes: a familia, a policía e o sindicalismo.

O afluente da familia, como o lugar ideal para forxar os valores e, deste xeito, alcanzar un modo de vida máis humano e tolerante, para que logo puidese ser transmitido á sociedade.

Asemade de grandes doses de amor, na miña familia atopei a xenerosidade suficiente, especialmente na miña dona, para facilitar a miña dedicación á profesión, e especialmente á miña tarefa sindical, sobre todo nunha época na que, ademais do tempo que lle restabas á familia, uníase a incerteza da clandestinidade.
Foi, sen dúbida, o gran acerto da miña vida, coñecer á miña compañeira de viaxe, fundar unha familia numerosa, ter uns fillos excelentes, do mesmo xeito que as súas parellas, os meus cinco netos e dous en camiño.

O afluente da Policía, á que chego simplemente como unha saída profesional. Pero de forma paulatina foi nacendo en min a marca indeleble que debe adornar a calquera policía: a do servizo e a entrega para que os nosos concidadáns poidan gozar de seguridade e liberdade, dentro dun estado de dereito. Foi unha tarefa sacrificada, abnegada, penosa e, en varias ocasións, perigosa. A miña estadía no Pais Vasco así o acreditan.

Xa en Pontevedra tiven a enorme satisfacción de coñecer un mundo profesional totalmente novo para min, e de recibir de todos os funcionarios unha influencia altamente positiva. Estou sumamente orgulloso de pertencer á Comisaría de Pontevedra. En ningún momento arrepentinme desa decisión xa que foi un pracer traballar con todos os meus compañeiros e, especialmente, poder dedicar o meu esforzo a que os cidadáns desta Cidade puidesen vivir con maior seguridade e liberdade.

O terceiro afluente do río da miña vida foi o sindical. Todo partiu, alá polo ano 1981, dunha inxustiza que se cometeu comigo ao non destinarme para o Aeroporto de Santiago e finalizou o pasado mes de xuño. Foi un camiño longo que, xunto cun reducido número de policías pontevedreses, decidimos comezar a percorrer un camiño coa pretensión de democratizar unha policía militar e convertela nun servizo público, de carácter civil e ao servizo do cidadán. Conseguíronse moitas cousas, é certo, máis sempre quedarame algo do que non fun ou fomos quen a conseguir: a nivel persoal, unha nova Comisaría para Pontevedra, e a nivel xeral a tan demandada e xusta equiparación salarial. A cotío repito que a democracia española ten unha débeda cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que tanto fixeron e están a facer pola súa consolidación. Non esquezo a tan ansiada creación dunha U.P.R. na Comisaría de Pontevedra. Xa se deron os primeiros pasos e coido que se vai a conseguir.

Neste navegar atopei portos onde debía parar para que a navegación fose o máis segura e rápida posible, e que os mariñeiros puidesen facelo nas mellores condicións.

Dicir que nuns portos o Práctico, en forma de responsable político ou policial, facilitaba a entrada e noutros poñía mil e un obstáculos. Aos primeiros quérolles agradecer publicamente a súa disposición continua ao diálogo e á concertación. Aos outros mellor non lembralos.

A partir de agora, estea onde estea, levarei sempre comigo algo de cada un dos meus compañeiros e compañeiras. Será unha palabra, unha frase, unha idea, unha postura, unha imaxe, unha actitude, unha voz, un conto. Non sei o que será, pero si sei que todos, sen excepción, forman xa parte da miña vida.

Pola miña banda conformaríame que me lembrasen como un tipo traballador, leal e honesto. Con isto daría por boa a miña singradura.

José Freire.

Compartir publicación
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on Google+
Google+
Email this to someone
email

1 respuesta

  1. Jose Antonio Iñigo Encinas dice:

    Estimado Freire, hoy me ha dado por “navegar” y he recalado en el SUP Galicia, a remolque de una noticia sobre un marron en la comisaria de Orense, del que no sabia nada (robo de pistolas, suicidios, detenciones etc.) y he aquì mi sorpresa que leo esta nota de prensa y te veo tan guapeton, me alegro infinito de verte tan bien (no se si es muy reciente la foto) pero me alegro mucho de verte, mandame tu correo y poder charlar contigo, hasta entonces recibe un fortisimo abrazo de IÑIGO.-

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *