Populismo na Policía

Se alguén me chega a dicir, fai trinta e sete anos, que no seo da policía española se ía a producir un fenómeno de populismo, puro e duro, por parte de algúns dos seus membros, diría que estaba tolo. Máis, por moito que nos asombre e nos doa, está a pasar.

A Policía e os membros que a compoñen non son alleos á realidade da sociedade na que viven. E se algo resulta claro e evidente é que, a nosa sociedade, e dun xeito especial a política, está chea dese xeito irresponsable e demagóxico dalgúns dirixentes, políticos, sindicais, de asociacións de todo tipo…, que non vacilan en poñer en serio risco o futuro da sociedade ou das súas organizacións por un presente efémero.

Ese populismo, despois dun breve período no que as súas proclamas demagóxicas convencen a un número importante de persoas, ao non tardar moito, desfiguran a democracia e non teñen máis remedio que regresar ao lugar de orixe. Máis, o dano ocasionado, xa é irreparable.

Por raro que pareza, este movemento está a suceder no seo dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, onde un grupo de funcionarios, xa que chamarlles policías sería prostituír a palabra e a profesión, moitos deles pertencentes a esas numerosas promocións, con un precario control de acceso, aproveitando a situación de crise xeneralizada e o afán de prosperar dalgúns destes iluminados, inventan un movemento policial, que ben poderíamos denominar como popular e extremista.

Do mesmo xeito que na política, o seu argumento foi que as organizacións sindicais policiais, que habían nacido e loitado contra a ditadura, para facer unha policía civil, que defendese os dereitos dos policías e que servise unicamente ao cidadá, eran casta e non se preocupaban polos problemas do colectivo, que so pensaban en liberacións e vivir a corpo de rei. Máis eles, co paso do tempo, convertíanse en organización sindical, igual que as que criticaban.

Ao lector isto sonaralle a algún movemento no eido político que logo se converteu en partido e que agora lle gusta pisar a moqueta do poder. E somos moitos os que pensamos que ambos movementos gardan unha estreita relación, aínda que outras forzas políticas tamén se queren aproveitar de meter baza neste movemento no seo da policía. De feito, moitos dos seus dirixentes son, non só propagandistas entusiastas, senón colaboradores rentados dalgúns destes partidos políticos.

Este populismo policial lles vende á súa clientela que os seus líderes son xente con mentes lúcidas, corazóns quentes e mans limpas. Que nada teñen que ver co pasado da policía nin das súas organizacións sindicais tan corrompidas, trasladándolle á súa clientela aquela máxima de Platón de que “o ignorante obedeza e que o sabio goberne e mande”.

A todos estes seguidores lles diría que non se chamen a engano. Cando estes populistas da policía alcancen a ansiada meta de converterse nunha organización sindical con representación, farán o mesmo que o que agora critican.

Namentres, que o ignorante obedeza.

 

José Freire

Facebooktwittermailby feather

También te podría gustar...

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *