1º de maio. -José Freire-

En verdade, non se sabe moi ben si esta data segue sendo un día de reivindicación ou, simplemente, un día festivo. Os que temos certa idade e, pola profesión, vivimos en primeira liña épocas pasadas, dámonos conta que estamos tendendo ao segundo. Un día festivo máis e si coincide en ponte, moito mellor.

Dende logo que non estamos naqueles primeiros de maio tumultuosos, tan reivindicativos e, nalgunhas ocasións, ata violentos.
Aínda que aquilo xa quedou atrás, penso que o 1º de maio, como Día dos Traballadores, debe ser un día en que os homes e mulleres de todo o mundo se unan na aspiración común dunha mellora nas súas condicións socio-laborais, nuns mellores niveis de xustiza social.

Nos actos deste día, dende logo antes moito máis que agora, hai dous grupos que nunca faltan: os traballadores e os policías. Antes ata con enfrontamentos e agora cunha convivencia pacífica, salvo as contadas excepcións. Pero, en ámbolos casos, cada vez son menos os asistentes.

Non serei eu quen me poña agora a pontificar sobre a crise de vocacións sindicais no ámbito da clase traballadora. Non teño datos nin me corresponde.

Pero si podo e quero facelo no ámbito da Policía Nacional. E fágoo dende a crúa realidade de que, as actitudes contaxiosas da crítica e a apatía, propáganse e estenden con asombrosa rapidez e, a este paso, no sindicalismo policial, non só irá en diminución a xente involucrada coas organizacións comprometidas cun futuro con dereitos para os policías, se non que lle concede unha clara vantaxe á Administración e a aquelas outras organizacións que aplican o sindicalismo burocrático do “si bwana”.

E a un xa vello representante, con trinta e seis anos de actividade sindical, isto faille volver a vista atrás e observar como, nun tempo en que a expulsión da Policía estaba en xogo e a militancia sindical era unha intriga permanente, un sen vivir continuo, un traballo enorme, escuro, clandestino, había un grupo de policías que mantiñan a actividade sindical, en aras a conseguir unha Policía civil, con todo o que iso representaba, ao servizo do cidadán. Reunións clandestinas, pintadas, panfletos, etc., eran ocupacións cotiás e asumidas voluntariamente por moitos compañeiros. Isto levámolo a cabo os membros do Sindicato Unificado de Policía.

A miña impresión é que, agora, cando xa non hai que expoñer a pel e recóllese máis do que se sementa, parece coma se fósese apagando a chama do militante sindical, coma se xa non importase seguir loitando polos dereitos de tódolos que formamos parte da Policía Nacional.

O traballo diario de atención ao compañeiro, a fiscalización ao poder político e policial, críticas destrutivas á xestión sindical, etc., fan que as vocacións sindicais vaian descendendo de xeito continuado e alarmante.

Temos que seguir crendo no sindicalismo, nun proxecto sindical que defenda os intereses laborais, profesionais, económicos e sociais dos membros da Policía Nacionale que, como traballadores da seguridade pública, garantan o libre exercicio dos dereitos e liberdades e a seguridade dos cidadáns.

Nestes momentos, sen dúbida difíciles, hai que seguir intentando conseguir cousas para todos. E non arruinemos o que tanto traballo custou alcanzar, unha policía civil, cuns sindicatos que poidan seguir defendéndonos como o fixeron ata o momento, dende a independencia política e a tolerancia democrática demostrada, como é o caso do meu Sindicato, o S.U.P.

Por un futuro con dereitos e un mellor servizo público de seguridade.

José Freire.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *